A Droguería
Reforma de local para sala polivalente e taller de arquitectura. Muimenta (Lugo). 2025
Descrición:
O proxecto nace da reforma dunha antiga droguería de Muimenta, ca idea de crear un espazo contemporáneo, aberto e profundamente ligado ao pobo. A reforma aposta pola honestidade material: madeira, pedra, estrutura e instalacións quedan á vista, sen maquillaxe nin artificios, reivindicando a beleza do real e do construtivo tal como é. Os materiais naturais e elementos recuperados da antiga drogueria ou de oficios da lugar, homenaxean a tradición do pobo e o antigo uso e estética do anterior establecemento. Unha nova porta de madeira con vidro abre o interior ao espazo público, convidando a entrar, mentres a baldosa exterior da entrada —do mesmo material ca a propia beirarrúa— dilúe os límites entre rúa e interior, facendo que o local forme parte da vida social do lugar. O mobiliario lixeiro permite transformar o espazo con facilidade, funcionando como estudo de arquitectura, sala de charlas, cine, obradoiros ou exposicións. A Droguería convértese así nun punto de encontro honesto, vivo e comunitario, onde a arquitectura, a arte e a memoria local dialogan en continuidade coa rúa e coa xente que a habita.